A CIG agarda que a consellaría de Traballo amose “sensibilidade democrática” e atenda ás máis de 24.000 persoas que apoiaron coa súa sinatura as demandas das traballadoras/es do Consorcio. Así o manifestaba tras da súa entrega no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, quen facía ademais un chamamento á conselleira de Traballo, para que mude a súa actitude advertindo que se na mesa de negociación prevista para o día 13 de xaneiro non se dá resposta ás demandas deste colectivo continuarán as mobilizacións, nomeadamente a folga convocada para o día 19 de xaneiro e a manifestación prevista para o día 30 dese mesmo mes, en defensa dos servizos públicos e contra a súa privatización.
Anxo Louzao criticou tamén a actitude da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a quen acusou de actuar como parte do PP, e non como conselleira, “desde unha perspectiva ideolóxica e galegofóbica, na medida en que a primeira actuación que tivo foi acabar coas galescolas”.
Unha perspectiva “reaccionaria” porque, segundo Louzao non é quen sequera de aplicar un convenio colectivo que está negociado e aprobado. Aspecto que se demanda a través das máis de 24.000 sinaturas recollidas, xunto coa celebración das oposicións que están convocadas, a readmisión das 61 traballadoras despedidas e a garantía de que o Consorcio siga sendo un ente público. “Exiximos que non continúe coa privatización dos 14 Centros de Día que se pretenden abrir para este ano”, matizou Louzao.
O secretario nacional da CIG-Ensino salientou que se trata dun número significativo de sinaturas que deberían obrigala a repensar as políticas de servizos sociais que está aplicando. Políticas que van “en contra do que quere a opinión pública”, dixo.