“Clausura do amor” é o texto máis representado do francés Pascal Rambert, estreado en Avignon e traducido a máis de dez idiomas. Agora, Cámara Negra en coprodución co CDG (Centro Dramático Galego) prepara a súa versión en galego, interpretada por Teté García e Xosé M. Esperante e dirixida por Carlos Alvarez-Ossorio. Trátase dunha obra de resistencia física e emocional, onde os dous intérpretes deben abrirse en canal para enfrontarse a un texto visceral sobre a fin do amor. O espectador asiste ao acto mesmo de clausurar o amor, de matalo en escena. Un duelo verbal que parte da dor, do medo e da liberación. Actuación e palabra. Nada máis. Un combate desgarrador e devastador, a través de dous monólogos intensos e inmensos.